Un total de 38 proxectos aspiran a formar parte da segunda edición de BFFood

04 decembro 2019 10:00

Un total de 38 proxectos aspiran a formar parte da segunda edición de BFFood

Business Factory Food (BFFood) recibiu 38 novos proxectos para participar na segunda edición do seu programa de aceleración, despois de que o pasado sábado, 30 de novembro, finalizase o período de recepción de inscricións. As candidaturas serán agora avaliadas e dez pasarán a formar parte do programa de aceleración. A elección dos proxectos seleccionados terá lugar o próximo 28 de xaneiro na celebración do pitch day.

Novamente, a gran maioría dos proxectos presentados proceden de Galicia. Con todo, nesta segunda edición do programa de aceleración, BFFood recibiu catro proxectos desde fóra da comunidade galega, concretamente desde Andalucía, País Vasco, Cataluña e Murcia. Ademais, nesta edición, a aceleradora traspasou fronteiras e recibiu candidaturas desde Arxentina e Ecuador.

Os proxectos presentados a esta segunda edición deron resposta aos sete retos do sector alimentario expostos polas empresas tractoras. De maneira especial, sobresaíron as iniciativas vinculadas á sustentabilidade, packaging, valorización de residuos e co-produtos e desenvolvemento de novos produtos alimenticios.

Os dez proxectos seleccionados no pitch day accederán a partir do un de febreiro de 2020 un completo plan para o desenvolvemento e lanzamento do seu produto ou servizo de nove meses de duración. Contarán con titorías e mentorización por parte das empresas tractoras líderes da industria alimentaria, acceso a espazos de traballos, catálogo de infraestruturas, medios e servizos técnicos e networking coas distintas institucións, entidades e proxectos.

Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA FOOD), Clavo Food Factory, Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), Congalsa, Dairylac, Gadis, Kiwi Atlántico, Quescrem, Grupo Nueva Pescanova, Torre de Núñez e Viña Costeira son as empresas tractoras que mentorizarán e apoiarán esta segunda edición de BFFood. Entre as entidades colaboradoras atópanse, ademais, as tres universidades galegas, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), ANFACO- CECOPESCA, o Instituto Tecnolóxico de Galicia ( ITG) e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).